top of page

A Costa da Morte leva implícito, mesmo no seu propio nome, o mar. É por iso que resulta de vital importancia coñecer o seu patrimonio marítimo, unha cultura mariñeira que non só é pesca, ou non só debería selo, senón literatura, arte, artesanía, deporte, lingua ou gastronomía.Mesmo romarías. O mar da Costa da Morte é tamén territorio, orgullo de pertenza a un lugar, identidade que seguir pasando de xeración e xeración. Unha remuda para o futuro. A cultura marítima é para esta comarca, nese sentido, un poderoso recurso xerador de riqueza e diversificación.

Pulsar todas estas cuestións son os obxectivos clave do proxecto Novemares: A cultura do mar na Costa da Morte. Impulsado pola Fundación Eduardo Pondal e financiado polo GALP Costa da Morte no marco do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), desenvolverase en nove concellos, outros tantos mares: A Laracha, Carballo, Malpica, Ponteceso, Cabana, Laxe, Vimianzo, Camariñas e Muxía. Na procura dunha economía azul sostible, Novemares busca poñer en valor a cultura do mar perseguindo un desenvolvemento que revirta no conxunto do territorio.

 

Un mar vivo, dinámico, xerador de contidos, un almeiro de posibilidades. Sector pesqueiro, organismos, institucións, entidades socioculturais e persoas a título individual están chamadas a participar neste proxecto, que ten na participación activa, no traballo colectivo e na construción de redes fortes, os piares para un mellor aproveitamento de todo este potencial. Velaí, para iso, a organización de sete Espazos Xeradores de Cultura (EXC) concibidos a xeito de foros de debate, reflexión, análise de boas prácticas e, en definitiva, promoción desta cultura marítimo pesqueira. Na Costa da Morte, un mar de vida.

bottom of page